Premios sorteo lotaría de Nadal
A Lei 16/2012, do 27 de decembro, pola que se adoptan diversas medidas tributarias dirixidas á consolidación das finanzas públicas e ao impulso da actividade económica, somete a tributación, a través dun gravame especial, entre outros, os premios pagos correspondentes ás lotarías e apostas organizadas pola Sociedade Estatal Loterías y Apuestas del Estado (SELAE).
A referida norma establece que os perceptores destes premios, calquera que sexa a súa natureza, no momento do cobramento, soportarán unha retención ou ingreso a conta que debe practicarlles o organismo pagador do premio, é dicir, a SELAE.
Esixirase de forma independente respecto de cada décimo, fracción ou cupón de lotaría ou aposta premiada.
Estarán exentos os premios cuxo importe íntegro sexa igual ou inferior a 40.000 euros. Os premios cuxo importe íntegro sexa superior a 40.000 euros sos tributarán respecto da parte do mesmo que exceda do devandito importe.
A base da retención do gravame especial estará formada polo importe do premio que exceda da contía exenta. A porcentaxe de retención ou ingreso a conta será do 20 por cento.
Así, por exemplo un premio de 100.000 €, tributaría ao 20 %sobre 60.000 € (100.000 - 40.000), polo que se practicaría unha retención de 12.000 € e percibiríanse 88.000 €.
A SELAE deberá proceder a identificar os gañadores dos premios sometidos a gravame, é dicir, os que sexan superiores a 40.000 € por décimo, independentemente de que o premio fose obtido por un só ou ben conxuntamente por varias persoas ou entidades.
No caso de premios compartidos (grupo de amigos ou parentes, penas, confrarías...), en que o premio se reparte entre todos os participantes, débense distribuír os 40.000 € que están exentos, entre todos os beneficiarios en proporción á súa porcentaxe de participación, e quen proceda ao reparto do premio que figure como beneficiario único (ou como xestor de cobramento) por habero manifestado así no momento do cobramento do premio, deberá estar en condicións de acreditar ante a Administración Tributaria que o premio foi repartido aos titulares de participacións, sendo polo tanto necesaria a identificación de cada gañador así como da súa porcentaxe de participación.
Os contribuíntes do IRPF ou os contribuíntes non residentes sen establecemento permanente que resulten agraciados e soportasen a retención no momento do aboamento do premio non terán que presentar ningunha outra autoliquidación.
Adicionalmente, os contribuíntes non residentes sen establecemento permanente que resulten agraciados e soportasen a retención no momento do aboamento do premio poderán solicitar a devolución que puidese corresponderlles por aplicación dun convenio para evitar a dobre imposición internacional.
Os contribuíntes do Imposto sobre Sociedades que obteñan un premio suxeito ao gravame especial deberán incluír, tal como facían antes do 1 de xaneiro de 2013, o importe do premio entre as rendas do período suxeito ao imposto e a retención/ingreso a conta do 20 %soportado como un pagamento a conta máis.