Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2020

A) Contía exenta:Límites

As indemnizacións por despedimento ou cesamento do traballador, cos seguintes límites:

A. Ata a contía establecida como obrigatoria no Estatuto dos Traballadores, nas súas normas regulamentarias de desenvolvemento, se é o caso, na normativa reguladora da execución de sentenzas.

Non obstante, sinalar que o propio artigo 7.e) da Lei do IRPF establece, como se verá máis adiante, unha excepción no caso de despedimentos colectivos para os que se prevé unha exención maior á contía indemnizatoria establecida como obrigatoria no Estatuto dos Traballadores.

Agora ben, para declarar exentas as indemnizacións por despedimento improcedente ou cesamento ata a contía establecida como obrigatoria no Estatuto dos Traballadores debemos diferenciar entre os despedimentos producidos ata o 7 de xullo de 2012 e os que se orixinan con posterioridade á devandita data:

  • Nos despedimentos producidos ata o 7 de xullo de 2012 están exentas as indemnizacións por despedimento cando o empresario así o recoñeza no momento da comunicación do despedimento ou en calquera outro anterior ao acto de conciliación, sempre que a contía da indemnización non exceda da que tivese correspondido no caso de que este tivese sido declarado improcedente, e non se trate de extincións de mutuo acordo no marco de plans ou sistemas colectivos de baixas incentivadas.(disposición transitoria vixésimo segunda da Lei do IRPF).
  • Nos despedimentos producidos con posterioridade ao 7 de xullo de 2012, só están exentas as indemnizacións recoñecidas en acto de conciliación ou en resolución xudicial.

Precisión: O 13 de novembro do 2015 entrou en vigor o texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2015, do 23 de outubro (BOE do 24).Todas as referencias ao Estatuto dos Traballadores que inclúe este Capítulo han de entenderse feitas ao citado texto refundido.

B. Non obstante, o importe da indemnización exenta terá como límite máximo a cantidade de 180.000 euros.Polo tanto, aínda que a indemnización total non exceda do estipulado no Estatuto dos Traballadores ou nas súas normas de desenvolvemento, se se superan os 180.000 euros, o exceso estará sometido tributación, coas excepcións que a continuación se indican:

Excepcións:

Normativa:Disposición transitoria vixésima segunda.3 Lei IRPF.

Este límite de 180.000 euros non será aplicable:

  • Ás indemnizacións por despedimentos ou cesamentos producidos con anterioridade a 1 de agosto de 2014.
  • Ás indemnizacións polos despedimentos que se produzan a partir desa data cando deriven de un expediente de regulación de emprego aprobado, ou un despedimento colectivo no que se tivese comunicado a apertura do período de consultas á autoridade laboral, con anterioridade a 1 de agosto de 2014.

Importante: cando o importe da indemnización que se perciba supere a contía que, en cada caso, teña o carácter de obrigatoria ou o límite máximo de 180.000 euros, o exceso non está exento do IRPF e deberá declararse como rendemento do traballo persoal, sen prexuízo de que poida resultar aplicable, se é o caso, a redución legalmente establecida para rendementos do traballo xerados nun prazo superior a dous anos.