Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2020

Competencias normativas das Comunidades Autónomas de réxime común no IRPF no exercicio 2020

De acordo co artigo 46 da Lei 22/2009, do 18 de decembro, as competencias normativas que poden asumir as Comunidades Autónomas de réxime común son as seguintes:

a. Importe do mínimo persoal e familiar aplicable para o cálculo do gravame autonómico

Para estes efectos, as Comunidades Autónomas poderán establecer incrementos ou diminucións nas contías correspondentes ao mínimo do contribuínte e aos mínimos por descendentes, ascendentes e discapacidade a que se refiren os artigos 57, 58, 59 e 60 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do IRPF, co límite do 10 por 100 para cada unha das contías

As Comunidades Autónomas que, facendo uso desta competencia, aprobaron os determinados importes do mínimo persoal e familiar aplicables para o cálculo do gravame autonómico dos contribuíntes residentes nos seus territorios examínanse no  Capítulo 14.

b. Escala autonómica aplicable á base liquidable xeral

De acordo co especificado no artigo 46.1 b) da Lei 22/2009, do 18 de decembro, o único requisito para a súa aprobación consiste en que a estrutura desta escala sexa progresiva.

Con respecto ao exercicio 2020, todas a Comunidades Autónomas teñen aprobadas na súa normativa as súas correspondentes escalas autonómicas aplicables á base liquidable xeral.Véxase o Capítulo 15.

c. Deducións na cota íntegra autonómica por

  • Circunstancias persoais e familiares, por investimentos non empresariais e por aplicación de renda, sempre que non supoñan, directa ou indirectamente, unha minoración do gravame efectivo dalgunha ou algunhas categorías de renda.

  • Subvencións e axudas públicas non exentas que se perciban da Comunidade Autónoma, con excepción das que afecten o desenvolvemento de actividades económicas ou as rendas que se integren na base do aforro.

    En relación a estas deducións, as competencias normativas das Comunidades Autónomas abranguerán tamén a determinación de:

    • A xustificación esixible para poder practicalas.
    • Os límites de dedución.
    • O seu sometemento ou non ao requisito de comprobación da situación patrimonial.
    • As regras especiais que, se é o caso, deban terse en conta nos supostos de tributación conxunta, período impositivo inferior ao ano natural e determinación da situación familiar.Se a Comunidade Autónoma non regulase algunha destas materias aplicaranse as normas previstas para estes efectos na Lei do IRPF.

As deducións autonómicas aplicables no exercicio 2020 recóllense no Capítulo 17.

d. Aumentos ou diminucións nas porcentaxes do tramo autonómico da dedución por investimento en vivenda habitual (sen efecto dende 1 de xaneiro de 2013)

Con efectos de 1 xaneiro 2013 suprimiuse a dedución por investimento en vivenda habitual establecéndose, non obstante, un réxime transitorio para os contribuíntes que viñan gozando desta con anterioridade á indicada data.Este réxime permítelles seguir aplicando a citada dedución conforme ao disposto na normativa da Lei do IRPF na súa redacción en vigor a 31 de decembro de 2012, sen prexuízo das porcentaxes de dedución que conforme ao disposto na Lei 22/2009 tivesen sido aprobadas pola Comunidade Autónoma.

As porcentaxes de dedución aplicables no tramo autonómico da dedución por investimento en vivenda habitual na Comunidade Autónoma de Cataluña coméntanse no Capítulo 16 dentro do apartado relativo a "Dedución por investimento en vivenda habitual:Réxime transitorio" así como no Capítulo 17 ao examinar as deducións da Comunidade Autónoma de Cataluña.