A declaración informativa sobre pagamentos transfronteirizos. Modelo 379
O crecemento do comercio electrónico nos últimos anos foi exponenciais e xeneralizou a realización de compras transfronteirizas.
Neste contexto, co obxectivo de dotar os Estados membros de instrumentos axeitados para o control das operacións transfronteirizas en que, sendo de aplicación o principio de tributación en destino e o destinatario consumidor final, a Directiva (UE ) 2020/284, do Consello, do 18 de febreiro de 2020 pola que se modifica a Directiva 2006/112/CE, no que fai á introdución de determinados requisitos para os provedores de servizos de pagamento, introduce para os provedores de servizos de pagamentos que interveñen nestas operacións a obriga de manter rexistros detallados dos pagamentos asociados e a comunicaros aos diferentes Estados membros.
A transposición ao ordenamento español do contido da Directiva anterior, cuxa data límite é o 31 de decembro de 2023, levouse cabo parcialmente a través do artigo 166 quater da Lei 37/1992, do 28 de decembro, do Imposto sobre o Valor Engadido, introducido polo artigo 33 da Lei 11/2023, do 8 de maio, de transposición de Directivas da Unión Europea en materia de accesibilidade de determinados produtos e servizos, migración de persoas altamente cualificadas, tributaria e dixitalización de actuacións notariais e rexistrais; e pola que se modifica a Lei 12/2011, do 27 de maio, sobre responsabilidade civil por danos nucleares ou producidos por materiais radioactivos, que obriga os provedores de servizos de pagamento cuxo Estado membro de orixe ou acollida sexa o reino de España a manter rexistros suficientemente detallados dos pagamentos transfronteirizos realizados e á súa remisión á Administración tributaria.
A completa transposición da Directiva esixe o desenvolvemento regulamentario dos rexistros que se regulará no Regulamento do Imposto sobre o Valor Engadido mediante a modificación do mesmo a través do Proxecto de Real decreto, polo que se modifican o Regulamento do Imposto sobre o Valor, aprobado polo Real decreto 1624/1992, do 29 de decembro, o Regulamento dos Impostos Especiais, aprobado polo Real decreto 1165/1995, do 7 de xullo, e o Regulamento de procedementos amigables en materia de imposición directa, aprobado polo Real decreto 1794/2008, do 3 de novembro.
O texto do citado proxecto, sometido ao trámite de información pública o 29 de maio de 2023, propón a incorporación ao Regulamento do IVE dun novo artigo 62 ter, que regule o contido dos rexistros dos provedores de servizos de pagamento e dun novo artigo 81 bis para regular a obriga de presentar a declaración relativa aos rexistros mantidos por provedores de servizos de pagamento, prazo, forma e modelo.
Por último, cómpre facer referencia ao proxecto de orde para a aprobación do modelo 379 «Declaración informativa sobre pagamentos transfronteirizos», actualmente en tramitación, que fará posible o cumprimento da obriga de subministración de información a cargo dos provedores de servizos de pagamento descrito nos parágrafos anteriores.