Cuestións a ter en conta na liquidación do Imposto en 2024
Informámosche das principais novidades para a Campaña de Sociedades 2024
Liberdade de amortización en determinados vehículos e en novas infraestruturas de recarga
O Real Decreto-lei 4/2024, do 26 de xuño, con efectos para os períodos impositivos que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2024 e que non concluísen á entrada en vigor deste Real Decreto-lei (28 de xuño de 2024), modifica a disposición adicional décimo oitava da LIS , substituíndo a amortización acelerada, prevista ata entón, por unha liberdade de amortización, para os investimentos nos seguintes vehículos novos, segundo definición do anexo II do Regulamento Xeral de Vehículos, aprobado polo Real decreto 2822/1998, do 23 de decembro:
-
Vehículo eléctrico de células de combustible (FCV)
-
Vehículo eléctrico híbrido de células de combustible (FCHV)
-
Vehículo eléctrico de baterías (BEV)
-
Vehículo eléctrico de autonomía estendida (REEV)
-
Vehículo eléctrico híbrido enchufable (PHEV)
Os vehículos deben ser novos, estar afectos a actividades económicas e entrar en funcionamento nos períodos impositivos que se inicien nos anos 2024 e 2025.
Consecuencia da modificación da disposición adicional décimo oitava da LIS polo artigo 190 do Real Decreto-lei 5/2023, este suposto de liberdade de amortización (con anterioridade amortización acelerada) amplíase aos investimentos en novas infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos, de potencia normal ou de alta potencia, nos termos definidos no artigo 2 da Directiva 2014/94/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 22 de outubro de 2014, relativa á implantación dunha infraestrutura para os combustibles alternativos, afectas a actividades económicas, e que entren en funcionamento nos períodos impositivos que se inicien nos anos 2024 e 2025.
Para a aplicación deste suposto de amortización acelerada o contribuínte deberá :
-
Achegar a documentación técnica preceptiva, segundo as características da instalación, en forma de Proxecto ou Memoria, prevista no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, elaborada polo instalador autorizado debidamente rexistrado no Rexistro Integrado Industrial, regulado no título IV da Lei 21/1992, do 16 de xullo, de Industria, e na súa normativa regulamentaria de desenvolvemento.
-
Obter o certificado de instalación eléctrica dilixenciado pola Comunidade Autónoma competente.
Para ter en conta:
Con efectos para os períodos impositivos iniciados a partir do 1 de xaneiro de 2024, e que non concluísen o 28 de xuño de 2024, os dous supostos regulados de amortización acelerada convértense cos mesmos requisitos para a súa aplicación en supostos de liberdade de amortización, sempre que os vehículos eléctricos e as novas infraestruturas de recarga entren en funcionamento nos períodos impositivos que se inicien en 2024 e 2025.