Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2022.

Réxime transitorio de redución dos contratos de seguros de vida concertada antes do 31 de decembro de 1994

Atención: no apartado seguinte  inclúese  un exemplo sobre a aplicación deste réxime transitorio.

Normativa: Disposición transitoria cuarta Lei IRPF e art. 93.5 Regulamento  IRPF

De acordo coa derrogada Lei 18/1991, do IRPF, as prestacións derivadas dos contratos de seguro de vida xeraban incrementos ou diminucións de patrimonio (agás os procedentes de operacións de capitalización e daqueles contratos de seguro que non incorporaban o compoñente mínimo de risco e duración determinada no artigo 9 do Regulamento do IRPF vixente nese momento) e a estes incrementos e diminucións éranlles aplicables as porcentaxes de redución que establecía  a disposición transitoria oitava da citada Lei 18/1991.

Coa entrada en vigor o 1 de xaneiro de 1999 da Lei 40/1998, do 9 de decembro, desaparece este tratamento fiscal, pero introdúcese un réxime transitorio  que mantén a aplicación desas porcentaxes  de redución  á  parte do rendemento correspondente a primas satisfeitas con anterioridade a 31 de decembro de 1994. O devandito réxime transitorio mantivose  na actual Lei do IRPF  nos termos que pasamos a comentar a continuación.

Cando se perciba unha capital diferida,  a parte do rendemento neto total correspondente a primas satisfeitas con anterioridade a 31 de decembro de 1994, que se xerase con anterioridade a 20 de xaneiro de 2006, poderá reducirse da seguinte forma:

1. Cálculo do rendemento neto total

Determinarase a parte do rendemento neto total obtido que corresponde a cada unha das primas satisfeitas con anterioridade a 31 de decembro de 1994.

Para iso, multiplicarase o devandito rendemento total obtido polo coeficiente de ponderación que resulte do seguinte cociente:

  • No numerador, o resultado de multiplicar a prima correspondente polo número de anos transcorridos desde que foi satisfeita ata o cobramento da percepción.

  • No denominador, a suma dos produtos resultantes de multiplicar cada prima polo número de anos transcorridos desde que foi satisfeita ata o cobramento da percepción.

De forma resumida:

(Prima x nº de anos transcorridos ata o cobramento)  ÷   ∑ (cada prima x nº anos transcorridos ata o cobramento)

2. Cálculo do rendemento neto reducible

Determinarase a parte do rendemento  neto correspondente a cada unha das primas satisfeitas con anterioridade a 31 de decembro de 1994, que se xerou con anterioridade a 20 de xaneiro de 2006.

Para tal fin, multiplicarase a contía resultante da operación comentada en número 1. anterior polo coeficiente de ponderación que resulte do seguinte cociente:

  • No numerador, o tempo transcorrido entre o pagamento da prima e o 20 de xaneiro de 2006.

  • No denominador, o tempo transcorrido entre o pagamento da prima e a data de cobramento da prestación.

De forma resumida:

Coeficiente de ponderación = Días transcorridos desde o pagamento da prima ata o 20-01-2006 ÷ Días transcorridos entre o pagamento da prima e a data de cobramento

3. Límite máximo conxunto e porcentaxes de redución aplicable

Calcularase o importe total dos capitais diferidos correspondentes aos seguros de vida a cuxo rendemento neto se lle aplicase o réxime transitorio, obtidos desde o 1 de xaneiro de 2015 ata o momento da imputación temporal do capital diferido, distinguindose as seguintes situacións para os efectos da aplicación das porcentaxes de redución (denominados tamén coeficientes de abatemento):

  1. Que o importe calculado (incluído o importe do capital diferido obtido ao que se pretenda aplicar o réxime transitorio) sexa inferior a 400.000 euros.

    Neste caso aplicarase a cada unha das partes do rendemento neto calculadas de acordo co que se dispón no número 2. anterior a porcentaxe de redución do 14,28 por 100 por cada ano transcorrido entre o pagamento da correspondente prima e o 31 de decembro de 1994.

    Cando transcorresen máis de seis anos entre as devanditas datas, a porcentaxe que hai que aplicar será o 100 por 100.

  2. Que o importe calculado (incluído o importe do capital diferido ao que se pretenda aplica o réxime transitorio) sexa superior a 400.000 euros, pero o importe do capital diferido obtido ao que se pretenda aplicar o réxime transitorio sexa inferior a 400.000 euros.

    Neste caso practicarase a redución a cada unha das partes do rendemento neto xeradas con anterioridade a 20 de xaneiro de 2006 que proporcionalmente correspondan á parte do capital diferido que sumado aos capitais diferidos obtidos con anterioridade non supere 400.000 euros.

  3. Que o importe correspondente aos capitais diferidos obtidos con anterioridade sexa superior a 400.000 euros.

    Neste caso non se practicará redución algunha.