Tributación do alugamento de apartamentos turísticos
Como tributan e quen está obrigado a subministrar información
Como tributan
Considérase arrendamento para uso distinto de vivenda, aquel arrendamento que, recaendo sobre unha edificación, teña como destino primordial un distinto que o de satisfacer a necesidade permanente de vivenda do arrendatario; é o caso dos arrendamentos de apartamentos turísticos.
Cando alugas un apartamento turístico podes ofrecer unha serie de servizos complementarios.
Se os servizos que prestas son propios da industria hoteleira, os rendementos que obtés polo alugamento son rendementos de actividades económicas.
Estes servizos serían, entre outros:
-
recepción e atención permanente e continuada ao cliente nun espazo destinado para ese fin
-
limpeza periódica do inmoble e o aloxamento
-
cambio periódico de roupa de cama e baño
-
posta a disposición do cliente doutros servizos (lavandaría, custodia de maletas, prensa, reservas etc...)
-
e, ás veces, prestación de servizos de alimentación e restauración
Pola contra, non se consideran servizos complementarios propios da industria hoteleira e, polo tanto realizas un alugamento turístico cando prestas servizos como:
-
limpeza do apartamento á entrada e á saída do período contratado por cada arrendatario
-
cambio de roupa no apartamento á entrada e á saída do período contratado por cada arrendatario
-
limpeza das zonas comúns do edificio (portal, escaleiras e ascensores) así como da urbanización en que está situado (zonas verdes, portas de acceso, beirarrúas e rúas)
-
servizos de asistencia técnica e mantemento para eventuais reparacións de fontanaría, electricidade, cristalaría, persianas, cerrallaría e electrodomésticos
Os rendementos derivados do alugamento turístico son, con carácter xeral, rendementos do capital inmobiliario.
Non obstante, cando para desenvolver a actividade dispoñas, polo menos, dunha persoa empregada con contrato laboral e xornada completa, os rendementos que obtés, polo alugamento turístico, son rendementos de actividades económicas.