3.Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas

Un contribuínte realiza unha actividade económica cando ordena por conta propia medios de produción e recursos humanos ou un só de ambos os dous, co fin de intervir na produción ou distribución de bens ou servizos.
Non obstante, para delimitar cando nos encontramos ante unha actividade económica deben terse en conta as seguintes regras especiais:
Os rendementos obtidos polo contribuínte procedentes dunha entidade en cuxo capital participe, derivados de actividades profesionais (as comprendidas na Sección 2ª das Tarifas do IAE) cualificaranse como rendementos profesionais cando aquel estea incluído, para tal efecto, no réxime especial da Seguridade Social dos traballadores por conta propia ou autónomos (RETA), ou nunha mutualidade de previsión social que actúe como alternativa ao citado réxime especial.
O arrendamento de bens inmobles cualifícase de actividade económica se para iso se conta con polo menos unha persoa empregada con contrato laboral e a xornada completa.
No IRPF os métodos de determinación do rendemento das actividades económicas, segundo a actividade desenvolvida son:
Estimación Directa con dúas modalidades:
Normal
Simplificada
Estimación Obxectiva
A transmisión de elementos patrimoniais do inmobilizado material ou intanxible e investimentos inmobiliarios, afectos á actividade económica, calquera que sexa o réxime de determinación do rendemento, orixina ganancias ou perdas patrimoniais que non se inclúen no rendemento neto da actividade.A súa cuantificación e tributación realízase coas regras das ganancias ou perdas patrimoniais do imposto.
Os contribuíntes aplicarán algún destes métodos de determinación do rendemento das actividades económicas, considerando as regras de incompatibilidade e os supostos de renuncia e exclusión.