3.7 Pagamentos fraccionados
Os contribuíntes en estimación directa normal ou simplificada, realizarán catro pagamentos fraccionados trimestrais no modelo 130, entre o 1 e 20 de abril, xullo e outubro, e entre o 1 e 30 de xaneiro do ano seguinte. Debe presentarse declaración negativa nos trimestres nos que non resulte cantidade a ingresar.
Os que desenvolven actividades agrícolas, gandeiras, forestais e os profesionais, non están obrigados a efectuar pagamentos fraccionados se no ano natural anterior polo menos o 70% dos ingresos da súa actividade (excluídas indemnizacións e subvencións no caso de actividades agrícolas, gandeiras e forestais) foron obxecto de retención ou ingreso a conta.O primeiro ano de actividade, para calculalo, teranse en conta os ingresos obxecto de retención ou ingreso a conta en cada período trimestral ao que se refire o pagamento fraccionado.
O importe de cada un dos pagamentos fraccionados calcularase do seguinte modo:
Actividades empresariais: 20% do rendemento neto dende o inicio do ano ata o último día do trimestre ao que se refira o pagamento.Deduciranse os pagamentos fraccionados que tería correspondido ingresar polos trimestres anteriores do mesmo ano, se non se tivese aplicado a dedución prevista no caso de que a contía dos rendementos netos de actividades económicas do exercicio anterior sexa igual ou inferior a 12.000 €. Deduciranse, na actividade de arrendamento de inmobles e de cesión de dereitos de imaxe, as retencións e os ingresos a conta, dende o primeiro día do ano ao último do trimestre a que se refire o pagamento fraccionado.
Actividades profesionais: 20% do rendemento neto, dende o inicio do ano ata o último día do trimestre ao que se refira o pagamento.Deduciranse os pagamentos fraccionados que tería correspondido ingresar polos trimestres anteriores do mesmo ano se non se tivese aplicado a dedución prevista no caso de que a contía dos rendementos netos de actividades económicas do exercicio anterior sexa igual ou inferior a 12.000 €. Deduciranse tamén as retencións e os ingresos a conta dende o inicio do ano ata o último día do trimestre ao que se refire o pagamento fraccionado.
Actividades agrícolas, gandeiras, forestais e pesqueiras:2% do volume de ingresos do trimestre, excluídas as subvencións de capital e as indemnizacións.Deduciranse as retencións e os ingresos a conta do trimestre.
Estas porcentaxes reduciranse nun 60% para as actividades económicas que teñan dereito á dedución na cota prevista para rendas obtidas en Ceuta e Melilla.
O contribuínte pode aplicar porcentaxes de pagamentos fraccionados superiores aos sinalados anteriormente.
Os contribuíntes en estimación obxectiva, realizarán catro pagamentos fraccionados, trimestrais, no modelo 131 entre o 1 e 20 de abril, xullo e outubro, e entre o 1 e 30 de xaneiro do ano seguinte.Deben presentar declaración negativa nos trimestres que non resulte cantidade a ingresar.
O importe de cada un dos pagamentos fraccionados calcúlase do seguinte modo:
Actividades empresariais (agás agrícolas e gandeiras):
4% do rendemento resultante da aplicación dos módulos en función dos datos-base a 1 de xaneiro (se algún dato-base non puidese determinarse a 1 de xaneiro, tomará o do ano anterior;se non puidese determinarse ningún dato-base, o pagamento fraccionado será o 2% do volume de vendas ou ingresos do trimestre).Cando se inicie unha actividade, os datos-base serán os do día de inicio.
3% cando se teña unha persoa asalariada.
2% cando non se dispoña de persoal asalariado.
Actividades agrícolas, gandeiras e forestais:2% do volume de ingresos do trimestre, excluídas as subvencións de capital e as indemnizacións.
Cálculo da cantidade a ingresar do pagamento fraccionado correspondente ao cuarto trimestre do 2020 en estimación obxectiva
Os contribuíntes que desenvolvan actividades distintas das agrícolas, gandeiras e forestais e cuantifiquen o importe dos pagamentos fraccionados polo rendemento neto (hai datos-base), para o cálculo do pagamento fraccionado correspondente ao cuarto trimestre de 2020, non computarán como días de exercicio de actividade, en ningún caso, os días naturais nos que o exercicio da actividade se tivese visto suspendido como consecuencia das medidas adoptadas polas autoridades.Ademais, aplicarán as porcentaxes de redución (20% ou 35%) sinaladas no punto 3.6.2.
Cálculo da cantidade a ingresar do pagamento fraccionado correspondente ao primeiro trimestre do 2021 en estimación obxectiva
Os contribuíntes que desenvolvan actividades distintas das agrícolas, gandeiras e forestais e cuantifiquen o importe dos pagamentos fraccionados polo rendemento neto (hai datos-base), para o cálculo do pagamento fraccionado correspondente ao primeiro trimestre de 2021, aplicarán as porcentaxes de redución (20% ou 35%) sinaladas no punto 3.6.2.
Do importe a ingresar deduciranse as retencións e ingresos a conta do período.
Estas porcentaxes reduciranse nun 60% para as actividades económicas que teñan dereito á dedución na cota prevista para rendas obtidas en Ceuta e Melilla.
As actividades económicas desenvolvidas tanto en réxime de estimación directa coma en estimación obxectiva poderán deducir do importe a ingresar polo pagamento fraccionado, ademais:
Unha minoración adicional, de 25, 50, 75 ou 100 € cando os rendementos netos de actividades económicas do exercicio anterior sexan iguais ou inferiores a 12.000, 11.000, 10.000 ou 9.000 € respectivamente.
Se esta última minoración fose superior ao importe restante do pagamento fraccionado unha vez minorado nas retencións e ingresos a conta xa efectuados, poderá deducirse a diferenza nos seguintes pagamentos fraccionados do mesmo período impositivo, cuxo importe positivo o permita.
Os que utilicen financiamento alleo para adquirir ou rehabilitar a súa vivenda habitual polas que teñan dereito ao réxime transitorio da dedución por investimento en vivenda habitual, terán dereito ás seguintes deducións:
Para estimación directa con rendementos íntegros previsibles anuais inferiores a 33.007,20 €:2% do rendemento neto dende o primeiro día do ano (máximo 660,14 € ao trimestre).
Para estimación obxectiva con rendementos netos resultantes de aplicar a estimación obxectiva inferiores a 33.007,20 €:0,5% sobre os devanditos rendementos.
En actividades agrícolas, gandeiras, forestais ou pesqueiras con ingresos previsibles anuais inferiores a 33.007,20 €:2% do volume de ingresos do trimestre, excluídas as subvencións do capital e indemnizacións.
En ningún caso esta última dedución pode superar un importe acumulado máximo de 660,14 € no período impositivo).
Forma de presentación dos modelos 130 e 131
Poden presentarse electronicamente por internet ou mediante papel imprimido (pre-declaración) xerado exclusivamente mediante a utilización do servizo de impresión desenvolvido para estes efectos pola Axencia Tributaria na súa Sede electrónica.