Preguntas frecuentes (FAQ)
Recompilación de preguntas e respostas en relación aos Sistemas Informáticos de Facturación e VERI*FACTU (Actualizadas a 5 de decembro de 2025)
Colaboración social
Para remitir os rexistros de facturación á Sede electrónica da Axencia Estatal de Administración Tributaria, o envío poderá ser efectuado polo propio obrigado tributario ou por un terceiro que actúe na súa representación, de acordo co que se establece nos artigos 79 a 81, ambos os dous incluídos, do Regulamento Xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos, aprobado polo Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, e na Orde HAC/1398/2003, do 27 de maio, pola que se establecen os supostos e condicións en que poderá facerse efectiva a colaboración social na xestión dos tributos, e esténdese esta expresamente á presentación telemática de determinados modelos de declaración e outros documentos tributarios.
Como terceiros que actuen en representación do obrigado tributario, as empresas desenvolvedoras de software poden subscribir o acordo de colaboración social na aplicación dos tributos Tipo 017 para a prestación de servizos de subministración electrónica de rexistros de facturación no ámbito da Subministración Inmediata de Información (SII), de subministración electrónica dos asentos contables dos establecementos afectados pola normativa dos Impostos Especiais (SILICIE), e de remisión de ficheiros que conteñen os rexistros de facturación xerados por sistemas de emisión de facturas, a través da Sede Electrónica da Axencia Estatal de Administración Tributaria.
Para a sinatura do acordo de colaboración social na aplicación dos tributos as empresas desenvolvedoras de software deberán pórse en contacto coa Axencia Tributaria a través do enderezo comunicacion.sepri@correo.aeat.es
Para outorgar a representación ao colaborador social serán válidos os modelos aprobados pola Resolución do 18 de decembro de 2024, da Dirección Xeral da Axencia Estatal de Administración Tributaria, pola que se aproban os documentos normalizados para acreditar a representación de terceiros no procedemento para o envío dos ficheiros que conteñen rexistros de facturación xerada por sistemas de emisión de facturas, a través da Sede electrónica da Axencia Tributaria.
Os modelos de representación poderán ser asinados polo titular dos rexistros de facturación (outorgante) de forma manuscrita, achegando neste caso copia do seu DNI se fóra persoa física ou copia de DNI do representante, con estampado do selo da empresa se o outorgante fóra persoa xurídica, ou mediante subscrición electrónica, ben sexa utilizando unha sinatura electrónica recoñecida realizada cun certificado electrónico cualificado de persoa física ou de representación de persoa xurídica, en vigor, non revogado e emitido por unha autoridade de certificación incluída na Lista de confianza de prestadores de servizos de certificación do Ministerio de Industria e Turismo, ou unha sinatura electrónica avanzada que cumpra cos requisitos previstos no artigo 26 do Regulamento eIDAS, (Regulamento (UE) nº 910/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de xullo de 2014, relativo á identificación electrónica e os servizos de confianza para as transaccións electrónicas no mercado interior e polo que se derroga a Directiva 1999/93/CE).
Para outorgar a representación en colaboración social non se admitirán modalidades de aceptación de condicións do servizo ou outras alternativas que non permitan acreditar o outorgamento para a remisión dos ficheiros que conteñen os rexistros de facturación na Sede electrónica da Axencia Tributaria.