C) Concepto de actividade empresarial ou profesional
Como se sinalaba inicialmente, para resultar suxeita ao IVA a entrega de bens ou a prestación de servizos deben ser realizadas no desenvolvemento dunha actividade empresarial ou profesional.
Son actividades empresariais ou profesionais:
As que impliquen a ordenación por conta propia de factores de produción materiais e humanos ou dun deles, coa finalidade de intervir na produción ou distribución de bens ou servizos.
En particular, teñen esta consideración as actividades extractivas, de fabricación,comercio e prestación de servizos, incluídas as de artesanía, agrícolas, forestais, gandeiras, pesqueiras, de construción, mineiras e o exercicio de profesións liberais e artísticas.
As actividades empresariais ou profesionais considéranse iniciadas dende o momento en que se realice a adquisición de bens ou servizos coa intención, confirmada por elementos obxectivos, de destinalos ao desenvolvemento de tales actividades.
Enténdense realizadas no exercicio dunha actividade empresarial:
As operacións realizadas polas sociedades mercantís, cando teñan a condición de empresario ou profesional.
As transmisións ou cesións de uso dos bens que integran o patrimonio empresarial ou profesional, mesmo con ocasión do cesamento no exercicio das actividades.
Os servizos desenvolvidos polos Rexistradores da Propiedade na súa condición de liquidadores titulares dunha Oficina Liquidadora de Distrito Hipotecario.
Exemplo:
O local arrendado forma parte do patrimonio empresarial do arrendador e a súa transmisión, en caso de efectuarse esta, consideraríase realizada no exercicio da actividade empresarial do arrendador.
Presúmese o exercicio de actividades empresariais ou profesionais:
Cando se anuncie un establecemento que teña por obxecto algunha operación mercantil por medio de circulares, xornais, carteis, rótulos expostos ao público ou doutro modo calquera
Cando para realizar as operacións se esixa contribuír polo IAE.
A presunción admite proba en contrario.
É indiferente que no exercicio da actividade as operacións teñan carácter habitual ou ocasional, así como os fins ou resultados que persiga a actividade ou a operación concreta e estarán gravadas mesmo aínda que se efectúen en favor dos propios socios, asociados, membros ou partícipes das entidades que as realizan.
Exemplo:
Un Concello organiza un partido de baloncesto para recadar fondos destinados a unha campaña de prevención do alcoholismo.
A venda de entradas efectuada polo Concello que dan dereito a asistir ao partido de baloncesto considérase efectuada no exercicio dunha actividade empresarial, sen que para tales efectos sexa relevante o destino que vaia darse aos ingresos ou beneficios resultantes da devandita actividade.
Reputaranse empresarios ou profesionais actuando como tal respecto dos servizos que lles sexan prestados por empresarios ou profesionais non establecidos no territorio de aplicación do Imposto:
Os que realicen actividades empresariais ou profesionais simultáneamente con outras que non están suxeitas ao imposto.
As persoas xurídicas que non actúen como empresarios ou profesionais sempre que teñan asignado un NIF-IVA subministrado pola Administración española.
Exemplo:
Un Concello contrata unha empresa francesa para que realice un proxecto sobre a implantación de sistemas de enerxía renovable no seu termo municipal.O Concello reputarase empresario ou profesional respecto dos servizos prestados pola consultora francesa só se dispón de NIF-IVA por realizar unha AIB previa suxeita.No caso contrario, non se considerará empresario ou profesional.