País Vasco
Cando se realicen operacións por importe non superior a 10.000.000 de euros no ano anterior, tributarase exclusivamente no territorio onde estea situado o domicilio fiscal, sendo indiferente onde se realicen as operacións.
Exemplo:
Unha empresa domiciliada en Cáceres realizou no ano “n-1” as seguintes operacións:
- Prestou servizos localizados en Bilbao por importe de 500.000 euros.
- Prestou servizos localizados en territorio común por importe de 500.000 euros.
Ao non superar o seu volume de operacións no ano “n-1” a contía de 10.000.000 de euros, esta empresa presentará no ano “n” as súas autoliquidacións do IVA, polo total das operacións que realice, en territorio común.
No caso de que o suxeito pasivo cambie de domicilio fiscal ao longo do exercicio, tributará á Administración en cuxo territorio estea situado o domicilio fiscal inicial ata a data de cambio de domicilio, e á Administración en cuxa demarcación territorial se encontre o novo domicilio a partir da data de cambio de domicilio.
Cando se supere a cifra de 10.000.000 de euros no ano anterior e se opere exclusivamente nun territorio, tributarase exclusivamente no territorio no que se opere, calquera que sexa o lugar no que teña o seu domicilio fiscal.
Cando se supere a cifra de 10.000.000 de euros no ano anterior e se opere en ambos os dous territorios, tributarase en cada Administración Tributaria na proporción que representen as operacións realizadas en cada unha delas con relación á totalidade das realizadas, calquera que sexa o lugar no que teña o seu domicilio fiscal.
Exemplo:
Unha empresa domiciliada en Cáceres realizou no ano “n-1” as seguintes operacións:
- Prestou servizos localizados en Bilbao por importe de 6.000.000 de euros.
- Prestou servizos localizados en territorio común por importe de 6.000.000 de euros.
Volume total operacións:6.000.000 +6.000.000 =12.000.000 de euros
6.000.000/12.000.000 x 100 = 50% porcentaxe de tributación en territorio común.
6.000.000/12.000.000 x 100 = 50% porcentaxe de tributación en territorio foral.
Ao superar o seu volume de operacións no ano “n-1” a contía de 10.000.000 de euros, no ano “n” debe presentar, en cada período de liquidación, dúas autoliquidacións:unha en territorio común polo 50% dos seus resultados e outra en territorio foral polo 50% restante.Estas porcentaxes serán provisionais e ao finalizar o ano, deberá practicarse unha regularización segundo as porcentaxes definitivas das operacións realizadas no ano en curso.